Xeografía

DIVISIÓN
A parroquia de Ponte dividiuse tradicionalmente en tres grandes partes: ao sur, Meixomence; ao leste, Rosende; e ao centro norte, San Miguel. Na actualidade, o número de lugares ascende a dez: os xa citados Meixomence e Rosende, Tras do Sisto, O Espiño, Casderrei, Trasfontao, A Regueira, A Aldea de Baixo, A Aldea de Riba e O Sino.

HIDROGRAFÍA
A proximidade do río Deza condiciona o relevo desta parroquia, pois a zona norte destaca pola súa pendente. Na zona media atópase unha chaira aluvial de considerable extensión.

O relevo de Ponte artéllase arredor de varias correntes de auga, ademais do xa mencionado Deza:
  1. O río de Rosende, coñecido noutros puntos da xeografía silledense como río da Mera ou da Gouxa, discorre pola parte oriental da parroquia, desembocando no Deza no lugar coñecido como a Xunta dos Ríos.
  2. O regueiro de Meixomence, afluente do anterior.
  3. O regueiro do Castañal, que desemboca no Pozo do Avogado.
  4. O rego da Regueira, que nace na Fonte de Outeiro, preto de Casderrei, e percorre San Miguel.
Convén comentar que, a pesar de que non percorre a parroquia, o regueiro de Saídres interveu na morfoloxía do lindeiro occidental da mesma.

OROGRAFÍA
O relevo de Ponte é moi variado, indo desde a chaira aluvial do centro da parroquia cara as grandes pendentes que se formaron nas proximidades do Deza. Destacan como principais elevación o coto da Pena Negra, no extremo suroeste; o Picoto, no lindeiro oriental e os cotos do Outeiro (na imaxe) e de Laxes, en San Miguel.
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis