Os nomes da terra

Aquí pódese seguir o serial "Os nomes da terra", onde trataremos os topónimos máis curiosos da parroquia.


O COTO DO OUTEIRO (30/12/2016)

Hoxe parámonos ante o nome O Coto do Outeiro. Trátase dunha elevación do terreo situada ao norte do lugar do Sino e á sombra do cal se construíu a antiga igrexa parroquial. Está poboado de carballos e o seu cume está formado por penedos.

O Coto do Outeiro en abril do 2015 // DFA

 

Poderiamos clasificar esta denominación como un tautopónimo, que son aqueles nomes de lugar que repiten o accidente xeográfico que designan. Composto por (O) Coto e (O) Outeiro, nomes á súa vez moi recorrentes na microtoponimia e toponimia maior:

* Na listaxe de topónimos do Trasdeza atopámonos o lugar do Coto na parroquia do Castro, mentres que Outeiro é lugar das parroquias de Escuadro, Manduas, Moalde, Negreiros e Silleda, e O Outeiro é un lugar de Breixa, Graba, Parada, Refoxos e Siador.

* Na microtoponimia de Ponte atopamos exemplos como O Coto de Laxes (elevación "xemelga" da que tratamos nesta publicación), O Coto das Gándaras, A Fonte do Outeiro...

 

Mais este nome de lugar ten un lixeiro matiz: aínda que o topónimo se refire ao total do conxunto, hai quen fai a distinción entre O Outeiro (que sería a elevación en xeral) e O Coto (para referirse exclusivamente ao cume do mesmo).


O FALLO (21/08/2015)

O dicionario da Real Academia Galega define fallo como "cousa ou circunstancia que fai que algo ou alguén non sexa totalmente perfecto, non obre nun momento dado como debe ou non teña o resultado esperado". Esta circunstancia lévanos ata o topónimo que hoxe analizamos en "Os nomes da terra": O Fallo.

Imaxe do Fallo, cheo de maleza.

Este nome refírese a un gran burato que se atopa sobre o Túnel do Outeiro ou da Estivada, da vía do ferrocarril, na parte de San Miguel. O burato orixinouse trala retirada de grandes cantidades de terra de enriba do túnel, xa que no seu proceso de escavado, as paredes deste derrubábanse debido á cantidade de auga que manaba no interior. Para paliar isto, buscouse unha solución, que foi a de retirar esta terra sobre a zona afectada para evitar novos desprendementos. Así foi como este fallo nas obras do ferrocarril se colou na historia de Ponte e quedou marcado na microtoponimia da parroquia.



O POZO DO AVOGADO OU DO PEGO (30/5/2015)

Continuamos co serial "Os nomes da terra". Nesta segunda entrega ocupámonos do Pozo do Avogado ou Pozo do Pego. Con este nome coñécese un pozo no río Deza ao cal tamén chegou nalgún momento o Camiño da Feira. Neste pozo existiu unha barca, que serviu para cruzar o río de maneira alternativa ás pontes ou cando non había ningunha.
 

O Pozo do Avogado nunha captura de pantalla do Sixpac.

Toma o seu nome dun membro da familia Taboada de San Pedro de Losón, que exercía como avogado. Este pozo almacenaba e dirixía a auga do Deza cara o Muíño do Avogado. Tamén é coñecido como O Pozo do Pego, polos terreos da marxe esquerda, en Ponte.


O día dunha feira en Silleda tivo lugar un terrible suceso con este pozo como protagonista. Uns feirantes arzuáns regresaban cara as súas casas. Subíronse co gando que mercaran á barca e o barqueiro procedeu a cruzar o pozo. Pero no medio do traxecto, a carga moveuse e desestabilizou a barca, que deu a volta, e o que levaba (animais e persoas) afundiuse no pozo, sen quedar superviventes. Os corpos dos feirantes foron finalmente recuperados e soterrados no camposanto de San Pedro de Losón.
 
 O CAMIÑO DA FEIRA (17/4/2015)

Comezaremos cun topónimo moi coñecido no seu momento, pero que acabou por esmorecerse no esquecemento. Estamos a falar do Camiño da Feira.

 

Con este nome coñecíase un tramo da ruta comercial entre a vila de Silleda e as terras do Corpiño ao seu paso por Ponte. Toma o nome... (Ler máis >>)


Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis